CULTURA | DÍA DE ROSALÍA
Durante os días 23, 24 e 25 de febreiro e no marco da celebración da memoria de Rosalía de Castro na data do seu nacemento o Concello de Corcubión organiza unha iniciativa de aproximación de Rosalía ao fluxo cotiá da vila.
Os Recunchos de Rosalía
A Biblioteca Municipal leva a Rosalía aos establecementos da vila para facer deles Recunchos de Rosalía. Desde o venres 23, día do nacemento da autora, a través dun préstamo temporal do seu fondo de libros e coa complicidade dos establecementos da vila, o Concello quere visibilizar desde a cotidaneidade un referente imprescindibel da cultura galega que ademais é Filla Adoptiva de Corcubión desde o ano 2022
Desde estes Recunchos animamos aos máis atrevidos a facer deles un lugar de improvisación para a letura en voz alta ou para recitar a obra de Rosalía nos cafés, bares ou tendas. Aos máis tímidos animamoslles a gozar de algunhas páxinas co cafe. A todas, a facer presente e honrar a memoria de Rosalía
Versos de Rosalía na Biblioteca
Ademais, por iniciativa do clube de letura que se reune na biblioteca, o propoio venres decorarase este espazo salientando algúns dos versos e pensamento da poetisa.
Rosalía Filla Adoptiva de Corcubión
Rosalía de Castro é Filla Adoptiva da vila de Corcubión a título póstumo, recoñecida por iniciativa da ANPA Alén no ano 2022 a traves da celebración dun pleno simbólico no que a rapazada do CEIP Praia de Quenxe fora protagonista do nomeamento e ratificada oficialmente no pleno do 17 de marzo dese mesmo ano.
Nos próximos días o Concello de Corcubión trasladará á Fundación Rosalía de Castro este certificado de Filla Adoptiva para que quede constancia do nomeamento na Fundación que a representa.
Desde o CEIP Praia de Quenxe prepárase tamén un recital de poemas de Rosalía entre o alumnado, acto que estaba previsto celebrarse no Monte Cambeiro pero que por mor do mal tempo terá lugar no propio colexio.