CULTURA | CIRCUITO GALEGO DE TEATRO AFECCIONADO
03 Oct 2023

CULTURA | CIRCUITO GALEGO DE TEATRO AFECCIONADO

08 Oct 2023 - 26 Nov 2023
Eventos
-
Concello de Corcubión

Circuito de Teatro Galego Afeccionado 2023 en Corcubión


Farándula Velutina presenta o Circuito de Teatro Galego Afeccionado 2023 de FEGATEA coa colaboración do Concello de Corcubión. Catro pezas de teatro que poderán disfrutarse os próximos meses na vila de San Marcos

Fundada no ano 2000 na vila de Noia coa agrupación de representantes de grupos de teatro amador de toda Galicia comezaba a andadura da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).

Desde o seu inicio ten participado en foros de debate sobre o teatro en Galicia e avanzado en paralelo nos seus piares básicos, a formación para conseguir unha mellora na calidade do teatro amador e a organización do Festival de Teatro Afeccionado como plataforma representativa das inquedanzas de todos os grupos de teatro amador. Unha rede fundamental paraugas para todos aqueles grupos que tentan profundizar na súa práctica dramática e dar a coñecer o seu traballo teatral

Desde o ano 2021 Farándula Velutina, o grupo de teatro afeccionado máis sólido de Corcubión (da contorna) constituído po un grupo de persoas con similares inquedanzas artísticas, entra a formar parte de FEGATEA para impulsar o seu traballo, perfeccionalo e darllo a coñecer en distintas partes do pais. Este ano, por primeira vez e, xunto á colaboración do Condello de Corcubión, son impulsores dun dos circuítos de Teatro Galego Afeccionado FEGATEA . O circuito presentará catro pezas teatrais de distinto tipo, dirixidas a distintos públicos e distribuidas na súa programación ao longo dos meses de outubro e novembro e na que eles tamén estarán de estrea.

Como primeiro prato, o circuito abrirá co grupo de teatro de Pontedeume DameCuerdaQueTeatro, persoas ás que lles encanta subirse ás táboas e que o necesitan case tanto como respirar.

Desenvolven todo tipo de xéneros e formas, comedia ou traxedia, clásico ou moderno, profundo ou lixeiro… sempre e cando este faga sentir algo. A cita será na Casa de Cultura Plácido Castro de Corcubión o domingo 8 de outubro ás 20h. A obra da que poderemos desfrutar, dirixida a público adulto, será “Vaia Idiotas” Neste caso trátase dunha comedia cuxos ingredientes van desde convidar a descoñecidos para rirse deles, ou maquetas e calmantes, editoras literarias e inspectores de facenda cruzadas con chamadas de teléfono e partidos futbol.

As próximas citas ás que debemos estar atentas serán o 28 de outubro ás 12 con “Mouras” para todos os públicos que se representará na rúa no Campo da Igresia da man de Lohengrin Teatro. O 11 de novembro ás 20h na Casa de Cultura contaremos con “Un vals para Cincinatti” de Teatro do Ar dirixido a público adulto e xuvenil. Por último e para pechar o circuito, poderemos contar con “O  Agasallo” da man do noso grupo de teatro afeccionado de Corcubión Farándula Velutina. Será o 26 de novembro na Casa da Cultura ás 20h especialmente dirixido á mocidade e persoas adultas.

Con este ciclo, desde o Concello esperamos dar apoio ao labor desta rede xa veterana que ten demostrado ser fundamental para o desenvolvemento desta arte e a aposta do grupo Farándula Velutina