CULTURA | ENTREGA DO PREMIO PLÁCIDO CASTRO
22 Sep 2023

CULTURA | ENTREGA DO PREMIO PLÁCIDO CASTRO

29 Sep 2023 - 29 Sep 2023
Eventos
-
Concello de Corcubión

Corcubión acollerá a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución

Este venres día 29, véspera do Día Internacional da Tradución, a Capela do Pilar en Corcubión, acollerá a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXIª edición recaeu ex aequo en Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.

Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego, significar a importancia da tradución no sistema literario galego así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras.

Pola súa banda o Concello de Corcubión como membro do padroado da Fundación e na súa labor de apoio á difusión da memoria da vila convértese en anfitrión de esta actividade.

Asemade, co fin de que a veciñanza poda coñecer mellor a este referente, durante a semana do 25 de setembro e ata o domingo 1 de outubro a Biblioteca Municipal de Corcubión adicará un recuncho de letura a salientar a figura de Plácido Castro cunha selección de publicacións relacionadas coa súa vida e obra

Sobre os premiados

No caso de Eva Almazán, o xurado destacou a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salientou tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal.

No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destacou a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resaltou tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.