CULTURA | LETRAS GALEGAS 2024
Este sábado 11 de maio damos comezo ao programa das Letras Galegas en Corcubión. Será cun obradoiro de Imprenta Creativa dirixido á rapazada a partir de 8 anos e ao público adulto. Estará impartido por Alouette Machine, un proxecto adicado á producción gráfica político-poética que emprega a técnica da tipografia como medio para falar creativamente. Tratarán de facernos xogar cos elementos gráficos e o seu significado ao tempo que imos coñecendo como se facían antígamente os libros, cartazos, postais ou tarxetas. Dispoñen ademais de tipografías de época de madeira, prensas antigas, rodillos, tintas e papeis.
Toda a produción deste obradoiro estará conectada coas Letras Galegas e mesmo servirá como material gráfico que levar á rúa durante a “Procesión da Cultura: Luisa Villalta” que terá lugar o sábado 18 ás 12 da mañá. O centro da proposta do programa municipal deste ano en Corcubión de feito xirará en torno á convocatoria desta “Procesión da Cultura” coa que se pretende convidar a toda a veciñanza a sair a rúa a celebrar, principalmente, a figura de Luisa Villalta pero tamén as de outras tantas figuras relevantes que foron conmemorándose no pasado medio século e que forman parte da nosa identidade cultural.
A procesión sairá desde a Casa da Cultura con paradas na Capela de San Antonio, paso pola rúa Peligros, Praza de Castelao e Praza da Igresia de San Marcos cun punto final no Campo do Rollo onde terá lugar a presentación do libro “Luisa Villalta. Alma de Violino” da man das autoras Laura Suárez, Beatriz Maceda e Eli Ríos A procesión estará musicada polas Gaiteiras de Pedras Miúdas e participada con recitais e baile desde a Asociación Boca de Sapo e o Grupo de Baile Xaldón. Ademais colaboran na confección de imaxinario, imaxes e letras da procesión a Asociación A Mesa, a rapazada da Escola Infantil Municipal e a do programa municipal Madrugadores. Contaremos probablemente coas aportacións do alumnado do CEIP Praia de Quenxe e a asistencia de membros de ASPADEX.
Importante é salientar que se pide aos asistentes que acudan á procesión que leven algunha roupa con motivo floral. Outra das actividades a remarcar desde a organización do concello é a programación da obra “Wombo Combo” o propio venres 17 ás 20h na Casa da Cultura. Unha producción de Galeatro con texto de Paula Carballeira que nace coa vontade de amosar ao espectador a deriva virtual, en detrimento da presencial, na que se atopa a sociedade actual e, por suposto, os nosos nenos e nenas. Unha obra pensada para todos os públicos. Importante salientar as aportacións ao programa desde distintas entidades e asociacións. Organizado pola Asociación Cántigas de Dona Xoana como parte da axenda expandida do Mercado Medieval terá lugar a Entrega de premios do "I certame de debuxo esbozos medievais" e do "I certame de poesía Desembarco das tropas de don Rodrigo de Luna" o propio Venres 17 ás 19,30, antes de “Wombo Combo” tamén na Casa da Cultura. A Universidade Popular marcará a programación do sábado 18 pola tarde como xa é tradición traendo ao Campo do Rollo a partir das 16,30h aos grupos de pandereteiras da súa escola, Paparrucheiras, Xaviñanas e Rinchonas, ademais de actividades de debuxo e letura para as familias organizadas xunto A Mesa.