O Pombal é unha construcción con finalidade practicamente ornamental que aparece como edificación anexa aos pazos, casas grandes, mosteiros ou casas rectorais.
Normalmente son construcións exentas, en lugares próximos e altos, abrigados dos ventos dominantes e sen árbores ao redor para que non se asenten aves de rapina.
No Concello de Corcubión hai dous exemplares no núcleo urbán: no Campo de San Antonio e na Agra da Ribeira.
Os dous son de tipoloxía de planta cilíndrica, con muros perimetrais de cachotería de pedra, unha pequena porta de acceso e unha cuberta cónica de tella. A parte alta da parede remata nunha peza de pedra, a soleira, sobre a que van uns pequenos buracos para a entrada das pombas.