Localización: Praza Párroco Francisco Sánchez.
Cronoloxía:
Capela Maior, século XIV.
Nave e abóvada, segundo cuarto do século XV.
Capelas do cruceiro e sacristía, primeiro terzo do século XVIII.
Segunda sacristía, baptisterio e fachada, último cuarto do século XIX.
Estilo: Gótico mariñeiro, excepto as Capelas do cruceiro (Barroco) e a fachada (Neogótico).
Autores: Só se coñece o autor da fachada neogótica, Domingo Rodríguez Sesmero.
Esta igrexa está declarada Ben de Interese Cultural.
Conserva este templo restos románicos na capela maior, así como nos seus canzorros historiados. A maioría da construción pertence á época gótica, que desde comezos do século XIV foise construíndo en varias etapas.
A principios do século XVIII constrúense as capelas do Socorro e do Carme. Cando os franceses saquearon a vila, a igrexa sufriu un incendio que arrasou todo o seu interior.
Ao longo do século XIX a torre sineira viuse afectada en tres ocasións por diversos raios; deles, o máis grave produciuse en 1885, coincidindo coa festividade de San Xosé, que ocasionou tres mortos e máis de 60 feridos. Ademais da torre, afectou á fachada e ao tellado.
A igrexa parroquial de Corcubión está presidida pola impresionante imaxe de San Marcos da Cadeira, trátase dunha talla gótica da escola veneciana datábel na segunda metade do século XV.
Estrutura arquitectónica:
A igrexa organízase nunha planta de salón rectangular, de nave única, e unha capela maior rectangular. A nave divídese en catro tramos mediante tres arcos apuntados con arestas.
Os arcos repousan en semicolumnas apegadas, rematadas en capiteis decorados con follas talladas esquemáticamente. A nave leva unha cuberta de madeira a dúas aguas.
A Capela Maior cúbrese con abóbada cupuliforme (de influxo bizantino) que vai sobre nervos diagonais volteados sobre columnas encostadas.