Localización: Punta Pión.
Cómo chegar: Seguir a estrada en dirección a Fisterra até chegar ao cemiterio de Corcubión. Logo continuar por un desvío á esquerda que se atopa xusto ao pé do cemiterio e a urbanización As Hortensias e que chega até o cabo Cee. A 2 Km desde o desvío está o castelo, nunha pequena vía de acceso á esquerda da estrada.
Cronoloxía: Segunda metade do século XVIII.
Autor: Comézase a construir baixo a dirección de La Ferrieri e é rematado por Francisco Llovet e Carlos Lemaur.
Situación Xurídica: Propiedade privada en uso.
A estratéxica localización do porto de Corcubión convertíao en obrigada parada das expedicións que se dirixían cara o Norte de Europa ou o Mediterráneo. Esta enseada utilizábase tamén para facer incursións de saqueo nas vilas do interior.
Por iso, a partir do século XVII comezouse a pensar na necesidade de facer fortificacións nesta ría. Para iso construíron o Castelo do Príncipe na Ameixenda (Cee), o Castelo de San Carlos en Fisterra e o Castelo do Cardeal no noso Concello.
O Castelo do Cardeal forma parella co Castelo do Príncipe, na Ameixenda, situado ao outro lado da ría, permitindo, mediante fogo cruzado a súa defensa. Unha lenda local fala dunha cadea que uniría ambas fortificacións, esta ao ser tensada impediría o paso das naves inimigas.
A dotación desta fortificación era de doce cañóns montados e tiña capacidade para noventa e seis homes.