CONTOS DO MAR | HISTORIAS DE VIDA
27 Feb 2024

CONTOS DO MAR | HISTORIAS DE VIDA

15 Mar 2024 - 15 Mar 2024
Información
-
Concello de Corcubión

Porque a memoria dos lugares son os recordos das persoas que os habitan

Contos do mar é un proxecto participativo que pretende poñer en valor o patrimonio inmaterial do pobo de Corcubión a través das historias de vida da xente local trasladadas a audioguías ficcionadas que sirvan para camiñar acompañadas da memoria dos lugares.

Realizaremos unha viaxe ao pasado a través da memoria da xente de Corcubión para (re)descubrir lugares e persoas por medio da súa ollada, o seu traballo, as súas vivencias individuais e colectivas, os seus recordos e a súa relación cos mesmos no pasado.

Quérese manter vivo o pasado dos lugares para comprender o noso presente e proxectar o noso futuro.

Como participar?

O proxecto levarase a cabo durante os meses de marzo a xuño organizado en sesións grupais para a recollida dos recordos colectivos. Celebraranse unha vez por semana cunha duración estimada de 90min

As persoas participantes deben ser veciños e veciñas de Corcubión, maiores de 70 anos. O máximo de participantes será de 40 persoas, que deberán comprometerse a acudir ás reunións.

Se estas interesada/o en coñecer máis detalles ou en consultar algunha dúbida podes dirixirte ao teléfono do Concello 981 74 54 00 ou acudir ás oficinas en horario de atención ao público.

PRAZO PARA APUNTARSE AO PROXECTO: ata o 15 de marzo

COMEZO DAS REUNIÓNS: 20 de marzo do 2024

LUGAR: Por concretar unha vez pechado o prazo de inscrición

 

Este proxecto ponse en marcha co financiamento do Grupo de Acción Local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027. Trátase dun proxecto que xa foi desenvolvido en Carnota, Dumbría e Fisterra, baixo a coordinación da confraría do Pindo, nas anualidades 2019-2020. Pódese atopar máis información aquí do seu proceso en https://contosdomar.com/