DIA DA PATRIA | DECLARACION INSTITUCIONAL
24 Jul 2024

DIA DA PATRIA | DECLARACION INSTITUCIONAL

25 Jul 2024 - 25 Jul 2024
Información
-
Concello de Corcubión

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE CORCUBIÓN
Hoxe é 25 de xullo, o día da nación galega, da festa maior de Galiza, a festa de todos e todas as galegas.
O Concello de Corcubión, en nome de toda a Corporación, quere saudar a todos os galegos e galegas, alá onde residan, alén dos mares ou dos Ancares, e en especial a todos os corcubioneses e corcubionesas, que polas circunstancias da vida tiveron que emigrar buscando un traballo e un porvir que non atoparon aquí, e hoxe celebran desde a lonxanía a festa nacional de Galiza, revivindo as lembranzas acumuladas nesa ausencia. Unha forte aperta para todos eles dende a vila de S. Marcos, esperando poder ver o seu retorno canto antes.
Dicía Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no seu marabilloso e máxico “Alba de gloria” , que “era moito mellor evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, algo que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito de futuro, como unha boa experiencia” e narraba así unha interminábel procesión, unha Santa Compaña de inmortais galegos, de nobres dignidades e fortes caracteres que dou Galiza no decorrer da súa Historia. Aproveitando estas verbas de Castelao, lembramos que na nosa vila asentou parte desa nobreza galega que forma parte do noso pasado e da nosa historia: A casa de Traba, cos condes de Traba, estirpe das máis poderosas do antigo Reino de Galiza e que loitaron para garantir a súa autonomía frente á raíña de León, ou A casa dos Moscoso, cos condes de Altamira, que mantiveron continuos enfrontamentos co arzobispado de Santiago de Compostela.
Aproveitamos a ocasión, para anunciar que o día 26 comeza a XXII mercado medieval, no que nos remontamos ao ano 1457, lembrando unha etapa concreta da nosa historia e tamén a aqueles persoeiros corcubioneses, que nos fan sentir orgullosos de ser quen somos, corcubioneses e galegos de gran afouteza, como o xentil escudeiro Álvaro Gómez de Rioboo que co seu valor e coa súa vida salvou ao noso pobo de caer en mans das tropas do arzobispo Rodrigo de Luna, e que lembramos cada ano coa teatralización do Desembarco.
Hoxe convidamos a todos os veciños e veciñas, a engalanar as súas casas coa bandeira azul e branca, que representa a todas as galegas e galegos, bos e xenerosos, para celebrar con orgullo e alegría o día da nosa nación, a boa nación de Breogán, que con traballo, esforzo e valentía vai espertando do seu sono para cumprir o seu fin.

Feliz día de Galiza!


Corcubión, a 25 de xullo de 2024.

Más información