Aumentar texto Diminuír texto Reiniciar texto

Percorrido urbano por Corcubión

San Marcos de Corcubión de noche

Corcubión é un concello que está composto por dúas parroquias: San Marcos e Redonda.

San Marcos é a zona urbana e a máis poboada por acoller a capital municipal. Neste roteiro imos recorrer esta parroquia.

Partimos da praza de Castelao. Esta é a praza principal de Corcubión, ao lado do paseo marítimo e cun pequeno palmeiral.

Mirando ao mar e cruzando a estrada AC-442, temos diante o miradoiro de Don Benigno Lago.

Desde ese miradoiro podemos avanzar á esquerda polo paseo marítimo. Paseando por el podemos ver unha serie de edificacións burguesas moi relevantes, algunhas delas cuns patios floridos moi fermosos. Tamén veremos o miradorio de Don Ramón Pais desde onde podemos contemplar unha boa panorámica da vila.

Camiñando polo paseo tamén podemos admirar a beleza da enseada e a ría de Corcubión.

Avanzamos polo paseo até chegar o edificio do Hotel El Hórreo e o cartel que sinala o límite con Cee (a vila veciña de Corcubión). Ao lado dese cartel que indica a separación entre as dúas vilas, hai unha costa empinada á esquerda. Antes da costa podemos ver un marco quilométrico do camiño de Santiago que nos indica que faltan algo máis de 14 Km do Cabo de Fisterra.

Subimos por esa costa e pasamos polo cruceiro de Baldomar até chegar a parte de atrás do Hotel El Hórreo. Alí tamén atoparemos un dos moitos hórreos que existen en Corcubión.

Vista de Corcubión desde a Alameda

Un pouquiño máis arriba chegamos a zona da Alameda desde onde podemos contemplar unha fermosa vista da vila, coa súa disposición en anfiteatro sobre a enseada, e do porto a ría presidida ao fondo polo por el monte do Pindo.

Nese momento temos que tomar unha das dúas rúas que aparecen. Seguimos pola da dereita, que segue cara arriba.

Pasamos entón por unha rúa estreita (Salvador Allende) que serpentea até chegar ao campo de Santo Antonio. Logo imos desviarnos para coñecer mellor Corcubión.

No Campo de Santo Antonio topamos coa capela de Santo Antonio (século XII) e un cruceiro do mesmo nome.

Despois baixamos por unha rúa estreita e empinada que baixa cara o sur e o centro da vila. Esta é a rúa Perigos e merece a pena pola súa singularidade e algunha das casas que hai nela.

Baixamos até o final desta rúa e desembocamos na rúa de Rafael Juan e continuamos até a de Antonio Porrúa. Ambas formaban parte da vella rúa Real onde se atopan bos exemplos de vivendas tradicionais corcubionesas.

Nesta rúa podemos contemplar varias casas brasonadas (casa Castrexe ou o pazo dos Dios e Pose) e a Capela do Pilar.

Avanzando entre casas singulares voltamos á praza de Castelao. Por esta parte pola que chegamos podemos ver a Casa Miñones, outro edificio singular desta vila mariñeira. Enfrente está unha das fontes públicas que todavía existen en Corcubión, a fonte dos Catro Caños.

Ao lado dese palmeiral, á dereita nacen varias rúas moi pequenas que chegan até a casa do Concello, o edificio José Carrera. Enfrente deste edificio está o mercado municipal de Corcubión.

Desde a praza do concello podemos coñecer a parte "traseira" de Corcubión, moi rica en rincóns cando menos particulares. Recomendamos ao visitante que se perda un pouco por esta zona, tendo sempre como referencia a praza de Castelao, facilmente recoñecíbel.

Partimos outra vez da praza de Castelao. Temos aínda gran parte do núcleo urbano de Corcubión por visitar. Mirando ao sur hai 3 rúas que parten da praza.

A máis cercana ao mar é a rúa San Marcos. Nela, atopamos á esquerda o Pazo dos Condes de Altamira, propiedade e morada dos antigos señores de Corcubión e desde onde se administraba xurisdición sobre máis de 20 parróquias. Esta xurisdición era unha mestura de xulgado e concello actual con atribución na recadación de impostos e nas levas de soldados.

Avanzando por esa rúa podemos admirar outras casas relevantes e chegamos até a praza Párroco Francisco Sánchez, onde se encontra a igrexa parroquial de San Marcos de Corcubión. Ademais da igrexa, podemos admirar unha das prazas máis fermosas da vila.

Continuamos pola rúa que sube, a das Mercés. No medio da rúa diante dunha praziña pequena cun cruceiro, pódese admirar unha das casas brasonadas que ten Corcubión, a chamada Casa dos Teixeira.

Continuando chegamos ao Campo do Rollo, praza recollida ideal para descansar ou xogar os nenos. Volvemos recomendar aos visitantes que se perdan un pouco polas rúas desta parte de Corcubión e descubran os rincóns singulares que se poden atopar. Desde o Campo do Rollo continuando un pouco cara o sur está situado o antigo pazo dos Traba antigos señores de Corcubión.

Desde aquí volvemos sobre os nosos pasos ao Campo do Rollo e descendemos en dirección norte. A primeira casa á esquerda é o edificio do antigo xulgado do partido. Continuando á esquerda chegamos á praza Médico Carrera, onde se atopa a única panadería de Corcubión (panadería Corcubión), a Casa de Sendón de sobria fachada presidida por un brasón e algún outro exemplo interesante de casa tradicional.

Nasas de Corcubión

Desde aquí por unha pequena ruela baixamos outra vez á Praza de Castelao.

A pouca distancia está o porto de Corcubión, onde se atopa o edificio do antigo cárcere do partido. No porto poden verse as chalanas e botes, nasas e o resto de aparellos de pesca que utilizan os marineiros da vila. Aquí está situada a lonxa e o edificio do clube naútico.

Do porto sae un paseo marítimo que vai ao pé do mar en dirección sur. Este agradábel paseo avanza até chegar á praia de Quenxe. Desde alí pode volverse polo mesmo paseo ou seguindo a estrada en dirección norte.

E así, voltaremos a praza de Castelao, principio e fin do noso percorrido urbano de Corcubión.

II Plan de Igualdade
Perfil do Contratante
Regulamento de uso do idioma galego
Biblioteca Municipal
Radio Neria
Sede Electrónica Administración Electrónica - Trámites
Boletín
Introduce o teu e-mail: