Na Costa da Morte é onde ten a súa orixe o mito xacobeo: ás nosas costas chegou o Apóstolo Santiago nunha barca de pedra. Resulta lóxico que a ruta xacobea se prolongue hoxe en día até a Costa da Morte.
Desde Santiago podemos seguir o Camiño, que en Dumbría se divide en dirección Fisterra ou Muxía.
A derradeira etapa do Camiño pola variante de Fisterra ten a súa saída desde Corcubión. No Concello temos un albergue onde poderás pernoctar.
O Camiño entra en Corcubión desde Cee, desde este punto quedan uns 14 Km até o Faro de Fisterra, fin do Camiño.
O Camiño transcorre polo precioso paseo marítimo da vila e segue desde a praza de Castelao até a igrexa parroquial para logo continuar ao Campo do Rollo e subir por Fonte Vilar até o Campo de San Roque. Neste punto, nun outeiro desde onde enxergamos o cabo de Fisterra, temos o albergue municipal de peregrinos de San Roque, xestionado pola Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS).
Desde o albergue a Fisterra o Camiño faise pola estrada en moitos tramos. Ao chegarmos ao centro da vila fisterrá hai que seguir cara ao Cabo de Fisterra.
Desde Fisterra podes facer a variante do Camiño Fisterra-Muxía.
Aloxamento en Corcubión: Albergue de peregrinos de San Roque (Corcubión).
Situado na estrada Coruña-Fisterra, a 2 Km da praza de Castelao en dirección a Fisterra.
Aberto de 16:00 a 22:30 en verán e de 17:00 a 22:30 en inverno.
Teléfono de Begoña Baldomar (Asociación Galega de Amigos do Camiño): 661 947 304.
Para máis información, consultade a páxina da Asociación Galega de Amigos do Camiño.
Hai puntos do Camiño nos que hai que camiñar pola estrada principal. Tamén hai que cruzala nalgún punto de pouca visibilidade. Aconsellamos non facer esta ruta con cativos.