Con data 23 de novembro do presente, a Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ten remitido ao Concello de Corcubión a Resolución de concesión da axuda a este Concello para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento da Escola Infantil 0-3 cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo FEDER GALICIA 2014-2020. Nesta Resolución se inclúe a concesión da axuda solicitada polo Concello de Corcubión, para a execución de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á primeira infancia, así como obras novas de escasa contía que melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios, por importe de 15.538,70 €; para a adquisición e mellora do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade, incluída a compra de mobiliario interior e exterior e de material didáctico e de xogo, por importe de 5.896,28 €; así como para a dotación de conexión á internet e compra de dispositivos (computadores, taboleiros dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares) para a integración das novas tecnoloxías na aula por importe de 3.085,50 €. A concesión destas axudas se ten tramitado conforme ao indicado na ORDE do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais, e se convocan para o ano 2018 (cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020). Segundo o exposto, as actuacións de adecuación e mellora na Escola Infantil Municipal de Corcubión que se están a realizar baixo as condicións da Orde do 27 de xuño de 2.018 referida son as seguintes: a) Obras menores de adecuación e mellora: • Espazo de hixiene: Atopámonos con que estes espazos, tanto dos adultos como das crianzas, están desubicados, xa que a medida que xurdían diferentes necesidades aproveitábanse os ocos existentes. O cuarto de aseo dos adultos está en dúas dependencias distintas, co que isto conleva; unha con entrada desde o comedor, que consta de un inodoro e o termo; e outro con entrada dende a zona de descanso que conta con ducha e lavabo. Ademais, o cambiador das crianzas está situado noutra zona diferente ao seu baño. Coa actuación proposta se pretende ampliar o baño dos nenos/as, de xeito que se poida incluír nel unha pequena bañeira e un cambiador, debendo trasladar o termo eléctrico á cociña. Precisamos, polo tanto, dunha reestruturación e reubicación dos aparatos sanitarios, xa que como se atopa actualmente non permite optimizar o traballo diario. Así mesmo, modifícase o aseo, dotándoo dun novo inodoro e lavabo, e cambiando o acceso, de xeito que xa non se faga pola zona de descanso, senón pola oficina. • Espazo de comedor: Actualmente este espazo, aínda que xa foi ampliado para os almorzos, segue sendo moi reducido, sobre todo polo cambio de xornada, xa que implicou ofertar un horario de comidas e polo tanto un aumento de crianzas usuarias para este servizo. Aproveitando a modificación do cuarto de baño poderemos aumentar a zona de mobiliario da cociña. Para aumentar o espazo de comedor resulta necesario desprazar o tabique que o separa do distribuidor. • Espazo de descanso: Este espazo tamén precisa dunha ampliación (do mesmo xeito que o definido para o comedor) e dun illamento adecuado; así como visibilidade a través dunha fiestra interior para un control por parte das educadoras. Nesta zona estarían as camiñas e se precisaría de estantes para colocar os obxectos persoais e de aseo das crianzas. • Oficina: Este espazo contará con mobles con chave para o material de oficina (esixido pola Lei de protección de datos persoais), cousas persoais das educadoras e material de limpeza. Ademais, accederase a través deste espazo ao completo aseo para adultos. • Espazo exterior: Resulta tamén necesario substituír a porta de entrada ás instalacións posto que a existente na actualidade se resolve con dúas follas de 60 cm., de xeito que é moi complicado acceder cos carriños das crianzas. A nova porta, de dúas follas, contará cunha folla principal de 80 cm., de xeito que se facilite o acceso. Para afondar na mellora do acceso, elimínase o chanzo existente no acceso ás instalacións e no acceso a escola infantil, executando unhas ramplas. Finalmente, créase un soportal na entrada á Escola Infantil para que as nais e pais non se mollen mentres agardan polas crianzas. • Outros: Na presente actuación contémplase tamén a substitución das deterioradas portas interiores, a maior parte delas que non cumpren co largo mínimo establecido pola normativa en vigor. b) Adquisición e mellora do equipamento do centro: • Dotación de novo equipamento para o baño. Como se ten indicado, se pretende ampliar o baño, dotándoo de bañeira (dentro da obra) e cambiador, polo que se pretende o subministro dun cambiador plegable (que non ocupe espazo cando está pechado), dun moble pañaleiro sobre este, e dunha escaleiras de acceso ao mesmo. Ademais, se pretende adquirir un cambiador de goma espuma que substitúa o deteriorado cambiador existente na zona de descanso. • Dotación de novo mobiliario na zona de descanso. Preténdese a adquisición de mobles con estanterías para colocar os obxectos persoais e de aseo das crianzas. • Dotación de novo mobiliario na zona de entrada. Na zona de recepción se pretenden colocar varios percheiros con cadansúa casiña superior, de xeito que os pequenos usuarios poidan deixar así os abrigos e pequenas mochilas. • Dotación do mobiliario de cociña. Para poder mellorar o servizo de comedor nunha xornada continuada, se pretende ampliar o mobiliario de cociña existente: un moble baixo de 1,20 m. de largo, e mobles altos en toda a fronte da cociña. • Dotación de estores infantís. Prevese a instalación de nove estores infantís a colocar nas diferentes salas, para poder facer un control da luz solar en cada unha delas (moi importante na zona de descanso). • Outros. A mellora do equipamento do centro se completa coa adquisición dun moble para o almacenaxe das cartulinas, de 4 antipilladedos que substitúan os que se encontran deterioriados na actualidade; de catro cantoneiras de interior. c) Compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula: • Dotación dun monitor interactivo de 65 pulgadas. O monitor interactivo está substituíndo ás pizarras dixitais interactivas como modelo interactivo baseado na forza da imaxe, moito máis lúdico e ameno que o sistema tradicional de pizarra, tiza e libros de texto. Este cambio se debe a que os primeiros non precisan dun proxector, coas vantaxes que isto conleva (substitución lámpadas, necesidade de escurecer a estancia, ..) nin dun ordenador; xa que dispoñen dun sistema operativo propio. Preténdese así o subministro e colocación dun monitor interactivo de 65 pulgadas, resolución de imaxe 4K, con 32 puntos de contacto, que contribúa a unha formación máis interactiva, amena e amigable.
Data inicio: 26/11/2018
Data fin: 31/12/2018
Tipo: Información