Aumentar texto Diminuír texto Reiniciar texto
Contractos

Anuncios e noticias

Presentación do libro "Irlanda en Plácido Castro"

31/01/2013

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO "IRLANDA EN PLÁCIDO CASTRO"

HORA: 20:00 h

DÍA: 1 DE FEBREIRO DE 2013

LUGAR: CAPELA DO PILAR DE CORCUBIÓN

 

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (www.igadi.org) e a Fundación Plácido Castro, veñen de publicar un novo número da colección Texturas Internacionais Nº 8, que baixo o título “Irlanda en Plácido Castro” ofrece unha colección de textos e artigos escritos por Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967) sobre Irlanda e a súa vida política e cultural.

“Irlanda en Plácido Castro” conta cunha introdución e selección de textos realizada por Xulio Ríos, director do IGADI, divididos en catro grandes bloques: “Impresións de Irlanda”, “Un galego en Irlanda”, “BBC Galician Programme”, e unha selección final sobre diversas reflexións en orde cronolóxica, e que foron publicados entre 1927 e 1966 en medios de comunicación como El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, o Jornal de Notícias de Porto (Portugal), O Correo de Galicia de Bos Aires e o Faro de Vigo, incluíndo textos do “BBC Galician Programme”, realizado por Plácido Castro e emitido radialmente en 1952.

O compendio achega unha serie de reflexións e impresións de Plácido Castro a resultas do seu coñecemento directo de Irlanda (o único da súa xeración política que pisou de certo terra irlandesa), unha nación que acompañou e que foi motivo de constante reflexión e preocupación para o seu autor. A independencia do Reino Unido da Gran Bretaña a comezos dos anos 1920 serviu de referencia clave para o galeguismo.

Deste modo, Plácido Castro aborda diversas temáticas sobre a andaina do Estado Libre de Irlanda, creado a partir de 1921 e constituído en República a partir de 1939. Os avatares e desafíos da independencia irlandesa; a súa vida política e parlamentaria; as políticas económicas; as impresións xeográficas (Dublin, Gaeltacht, Illa de Blasket); a influencia da súa riqueza poética e teatral na conformación da cultura gaélica, plasmada en sensibilidades como a saudade e a arte; a aproximación cultural e histórica entre Irlanda e Galicia, así como noutras nacións como Bretaña e Escocia, entre outros temas, conforman esta inédita e valiosa colección de textos.

Con esta nova edición de Texturas Internacionais Nº 8, o IGADI e a Fundación Plácido Castro esfórzanse por recuperar a memoria e obra dunhas das referencias históricas mais insignes do galeguismo histórico como é Plácido Ramón Castro del Río, a voz que representou a Galicia no Congreso das Nacionalidades Europeas, organismo adscrito á Sociedade de Nacións, celebrado en Berna (Suíza) en 1933.


Data inicio: 31/01/2013

Data fin: 02/01/2013

Tipo: Conferencias

Volver
II Plan de Igualdade
Perfil do Contratante
Regulamento de uso do idioma galego
Biblioteca Municipal
Radio Neria
Sede Electrónica Administración Electrónica - Trámites
Boletín
Introduce o teu e-mail: