Aumentar texto Diminuír texto Reiniciar texto

Introdución

Arco da Vella sobre Corcubión

O concello de Corcubión está situado no extremo oeste de Galiza, na máis alta das Rías Baixas e formando parte da denominada Costa da Morte.

Corcubión, a máis alta das Rías Baixas, posúe as características destas e anuncia as propias da costa máis ao norte. Así, esta terra de transición conxuga en perfecta harmonía o sosego e a calma das Rías Baixas coa bravura e a natureza viva características da Costa da Morte.

O Concello de Corcubión é un dos máis pequenos de Galiza, ten unha extensión de 7,6 Km² e unha poboación duns 2000 habitantes. Está constituido por dúas parroquias, San Marcos de Corcubión (zona urbana) e San Pedro de Redonda (zona rural).

 

Oríxenes de Corcubión

As orixes de Corcubión son incertas, porén a procedencia prerromana do topónimo indica que este territorio estivo poboado desde moi antigo. Os restos de antas ou castros existentes no municipio son vestixios vivos deste pasado.

O castro de Quenxe situado na cume do monte do mesmo nome, é un dos exemplos da pegada da cultura castrexa na zona. Este asentamento non está excavado, pero poden apreciarse as súas liñas defensivas (murallas e foxo) desde os que se tiña un perfecto control estratéxico da ría.

Sobre a etimoloxía do topónimo Corcubión a interpretación máis acertada considera que as raíces deste nome estarían no celta ou no luso-galaico arcaico. As voces corcu ou corco que significarían círculo e –bión/-beón que significarían lago, darian lugar a un círculo ou fondo de lago ou a unha enseada curviforme.

O porto do Corcubión ten importancia dende tempos antigos. Os cronistas clásicos mencionan que a poboación prerromana da bisbarra pertencía á tribo protocelta dos nerios.

Se os romanos chegaron a Fisterra (Finis Terrae) onde se situaba o Ara Solis, non pode sorprender a aparición de vestixios que dan fé da presencia romana en Corcubión, por ser a súa enseada o lugar máis protexido e porto natural da ría.

 

Idade Media

Igrexa de San Marcos

O núcleo primitivo de Corcubión tivo a súa orixe máis ó interior da súa ubicación actual, onde se situaba a igrexa parroquial de Santo André de Canle.

A partir do século XIII, cando os piratas deixan de chegar ás costas, a poboación comeza a instalarse na beiramar e constrúese a igrexa parroquial de San Marcos, que substitúe a anterior.

Esta sustitución de Santo André, patrón da parroquia primitiva, por San Marcos, patrón de Venecia, indica a importancia que os intercambios comerciais realizados a través do porto tiñan xa naquela época.

Desta época tamén é a igrexa de San Pedro de Redonda.

A partir da Idade Media é cando comeza a coñecerse ben a historia de Corcubión, cando a vila pasa a depender dos Condes de Traba e Trastámara. O antigo pazo dos Condes de Traba é testemuño desta etapa.

Posteriormente pasa a depender da casa de Altamira. Como reflexo desta dependencia, temos en Corcubión o Pazo dos Altamira.

No “Compendio do Estado de Altamira” escrito no ano 1724 por Xosé Isla de la Torre, este relata que a vila tiña uns douscentos veciños que vivían da pesca da sardiña e do congro, e que o conde de Altamira tiña un pequeno pazo, 56 casas e outras propiedades. O conde era tamén o que nomeaba o xuíz e os catro rexedores que gobernaban a vila.

 

Idade Moderna

Brasón da Casa Teixeira (1789)

A partir do século XVIII instálanse industrias de salgadura con capital de familias nobres e burguesas catalás, actividade que se consolidou no século seguinte. Na ría de Corcubión está documentada a súa presenza dende o ano 1755.

Para defender a ría ante ataques do exterior constrúese no século XVIII o Castelo do Cardeal.

Esta fortificación forma parella co Castelo do Príncipe, na Ameixenda (Cee), situado ao outro lado da ría, e permitía, mediante fogo cruzado a defensa da enseada de Corcubión. Unha lenda local fala dunha cadea que uniría baixo o mar ambas as fortificacións, esta ao ser tensada impediría o paso das naves inimigas.

A principios do século XIX o pobo de Corcubión loitou contra o ocupación francesa. En resposta a esa resistencia, os exércitos franceses incendiaron e saquearon a vila.

Na segunda metade do século XIX e principios do XX prodúcese en Corcubión un auxe económico que se reflicte na contrución de varios edificios modernistas. Así, podemos destacar a Casa Miñones, o edificio do antigo Xulgado e as edificacións burguesas que se atopan no paseo de Corcubión.

 

Época Contemporánea

No século XX, Corcubión sofre a emigración como o resto de Galiza. Unha mostra desta intensa emigración, principalmente a Buenos Aires, é a constitución na capital arxentina, no ano 1923, da Sociedade Agraria e Cultural dos Fillos do Partido de Corcubión, que máis tarde pasou a chamarse Asociación Benéfico Cultural do Partido de Corcubión, chegando a ter máis de 3.000 socios. Mostra da súa actividade cultural foi a publicación da revista “Alborada” ou a construción de numerosas escolas no territorio do partido.

Nesta altura, no primeiro terzo do século XX, construiuse en Corcubión a capela do Pilar.

Durante a época da II República e a Guerra Civil, Corcubión, xunto coa veciña vila de Cee, foi un dos núcleos politicamente máis activos da zona debido ao movemento obreiro que se organizou en torno á fábrica de carburos, canalizado a través da CNT e a UGT. A actividade cultural en Corcubión foi moi importante nestes anos, nomeadamente a teatral. No Campo do Rollo, en 1932, ofreceu unha representación co seu grupo “La Barraca” o escritor Federico García Lorca.

Na actualidade Corcubión é cabeza de partido xudicial e concentra a maioría dos servizos administrativos do extremo occidental galego, segue vivindo da pesca e o marisqueo mais tamén da industria, a construción e sobre todo do sector servizos que ocupa o 70% da poboación activa. Na década dos sesenta a vila recibe varios galardóns que premian a súa pulcritude e beleza destacando o premio estatal concedido polo Ministerio de Obras Públicas en 1964. En 1984 a vila foi declarada “Conxunto Histórico-Artístico” e no ano 2000 “Municipio Turístico Galego” pola Xunta de Galiza. Nos últimos anos, un auxe do turismo atrae á vila señorial de Corcubión a visitantes de todo o mundo.

Todas estas declaracións indican o enorme patrimonio cultural que posúe Corcubión, que ademais do xa reseñado conta con gran cantidade de exemplos de arquitectura popular, como son as cabaceiras ou hórreos, os muíños, os pombais e os cruceiros.

Actualmente as rúas de Corcubión son testemuño fiel dun importante pasado materializado no seu rico patrimonio, onde o relixioso, o civil e o popular conviven en perfecta harmonía.

II Plan de Igualdade
Perfil do Contratante
Regulamento de uso do idioma galego
Biblioteca Municipal
Radio Neria
Sede Electrónica Administración Electrónica - Trámites
Boletín
Introduce o teu e-mail: