Aumentar texto Disminuir texto Reiniciar texto
Contractos

Anuncios y noticias

Declaración institucional - 17 de mayo Día das Letras Galegas

10/05/2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

CON MOTIVO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2013

Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas. Esta data foi instituida polos herdeiros do “galeguismo histórico” para canalizar as enerxías do pobo galego, como nacionalidade histórica, ante o réxime franquista e promocionar e manter vivo o maior patrimonio colectivo de que dispomos os galegos: o idioma propio. Ante a situación de represión, marxinación e desprezo que sofría o galego por parte do Estado centralista e uniformador, foi a fórmula que idearon para procurar a supervivencia colectiva.

Felizmente o franquismo hoxe é historia, mais a situación da nosa lingua segue empeorando. A lexislación ampara o uso do idioma galego, é certo, mais a praxe e as inercias, froito da dificultade de transformación das mentalidades, seguen a producir efectos devastadores para a nosa língua que cómpre correxir. Así podemos constatar que a transmisión do idioma de pais a fillos, cadea natural e necesaria para a supervivencia deste, presenta unhas estatísticas desoladoras.

Por outra parte, os medios de comunicación de masas están a conseguir en poucos anos o que séculos de persecución por parte do Estado non lograra: impor o idioma castelán como único idioma español.

Hai un proverbio popular galego que afirma: “O falar non ten cancelas”. Infelizmente algúns dirixentes políticos, que ostentan responsabilidades das que non son dignos, teiman en pór, unha e outra vez, cancelas ao galego. Aqueles que teñen a obriga por Lei de defender o noso idioma están lexislando en contra de anteriores consensos como a Lei de Normalización Língüistica, coa finalidade, baixo unha etiqueta de falsa liberdade, de garantir os actuais privilexios do idioma castelán.

Se ben é certo que o bilingüismo individual é enriquecedor e desexábel para as persoas, e que estudos científicos teñen demostrado que estes individuos acadan mellores resultados académicos, tamén o é que o chamado “bilingüismo social” non existe e que tal denominación é un eufemismo para ocultar o conflito lingüistico que a nosa sociedade padece.

Defender a liberdade é defender o oprimido, é defender o noso idioma. Ningún pai ou nai quere verdadeiramente os seus fillos se lles nega o tesouro da nosa língua propia. Desde o Concello de Corcubión animamos á cidadanía a vivir cada día en galego, sen complexos, facendo uso do idioma que herdamos dos nosos devanceiros.

 

                                                                    Goberno Municipal de Corcubión


Fecha inicio: 10/05/2013

Fecha fin: 18/05/2013

Tipo: Información

Volver